Saturday 04 de May de 2024

A Fundación Galicia Europa achega aos estudantes de fp as iniciativas europeas de promoción do emprego xuvenil


As sesións formativas encádranse nun proxecto apoiado pola Representación da Comisión Europea en España

A Fundación Galicia Europa organiza durante este mes de novembro, unha serie de actos en centros de Formación Profesional das catro provincias galegas co obxectivo de achegar aos seus estudantes o marco europeo desta formación regrada, así como as iniciativas existentes para apoiar o autoemprego e proporcionar experiencias noutros países da UE para a mocidade.

De tal xeito, esta semana tiveron lugar senllos seminarios cos estudantes do CIFP Politécnico de Lugo e do CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo, que se complementarán cos previstos para a próxima no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense e no CIFP Someso de A Coruña. Todos eles contarán coa participación de representantes da Fundación Galicia Europa, da rede de servizos de emprego europeos (EURES) e de antigos alumnos dos centros, participantes en programas de mobilidade, que darán a coñecer as súas experiencias. Así mesmo, as xornadas están a incluír un obradoiro de busca de emprego, co propósito de facilitar o acceso dos estudantes no mercado laboral.

Dimensión europea da FP: formación, emprendemento e mobilidade
A celebración destes actos forma parte do proxecto “Dimensión Europea da Formación Profesional”, posto en marcha dende a Fundación Galicia Europa en coordinación coa Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia e co apoio da Representación da Comisión Europea en España.

O proxecto, desenvolvido pola FGE ao longo de 2014, cumpre cun dos seus eixos de acción, tal como recollen os seus estatutos: formar e sensibilizar sobre a UE en Galicia. Así, todas as accións postas en marcha estiveron centradas na difusión entre estudantes, titulados e profesores de Formación Profesional das políticas e iniciativas da UE en materia de emprego, mobilidade e emprendemento. O obxectivo último foi potenciar a integración dos mozos no mercado de traballo a través do fomento entre eles da mobilidade e o autoemprego, así como dunha maior implicación do profesorado de FP nas iniciativas relacionadas.

“Dimensión Europea da Formación Profesional” botou a andar cun acto central celebrado o 14 de maio no CIFP Politécnico de Santiago dirixido a profesores e orientadores de Formación Profesional, no que expertos da Comisión Europea, da Xunta de Galicia e do sector privado explicaron as iniciativas postas en marcha pola súa parte para o impulso do emprego xuvenil e do autoemprego. Así mesmo, para promover unha maior implicación dos docentes, representantes de centros de FP traballando en proxectos europeos e de fomento do emprendemento compartiron as súas experiencias na xestión dos mesmos a modo de boas praxes.
As catro sesións informativas que se están a celebrar neste mes de novembro nas catro provincias galegas buscan complementar este acto central, achegando toda esta información directamente ao seu público obxectivo, os estudantes.

Eventos locais da Semana Europea das Rexións e Cidades 2014
Cabe destacar, por outra banda que un destes seminarios, o celebrado na cidade de Lugo, está encadrado en Open Days, a Semana Europea das Rexións e Cidades, un evento anual posto en marcha pola Comisión Europea e o Comité das Rexións que se celebrou en Bruxelas do 6 ao 9 de outubro. A organización de Open Days impulsa dende 2006 este tipo de “eventos locais” nas rexións e cidades da UE co propósito de reunir por toda Europa a autoridades, representantes do mundo empresarial, organizacións non-gubernamentais, estudantes e membros da sociedade civil para achegar e debater detalles da política europea coa cidadanía.

A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1988 co fin de propiciar o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.